Santiago, 26 de marzo de 2016.- A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, reforzará no 2016 o programa de formación das familias en espera de adopción. O programa, pioneiro en España e posto en marcha no ano 2015, ofrece dende entón formación a 88 familias e neste 2016 está previsto que se incorporen ao mesmo 90 novas familias. O éxito desta iniciativa propiciou que a administración autonómica oferte catro novas sesións nas que se traballarán factores como a identidade adoptiva e o apego, a adopción e a escola e a diversidade étnica e/ou funcional nas adopcións. Como novidade, ás provincias da Coruña e Pontevedra, se sumarán as de Lugo e Ourense para a realización destes foros de formación.

A finalidade do programa é ofrecer ás familias a preparación e coñecementos precisos para afrontar o reto de crear unha nova familia, facéndoos partícipes dos recursos aos que poden acudir, das recomendacións que deben considerar ou das etapas polas que van pasar. O tempo de espera na adopción pode provocar un distanciamento co seu proxecto adoptivo, tanto a nivel emocional como cognitivo. Un dos factores que axuda a garantir o éxito no proceso adoptivo é a formación continua e o apoio familiar a nivel emocional, estratéxico e educativo. Por elo, a Xunta de Galicia busca favorecer que este apoio sexa vivido dende o momento en que se está á espera, o que facilitará que a familia continúe a formarse e a buscar apoio nos momentos de crise.

Deste xeito, a Consellería de Política Social pon a disposición das familias espazos e foros nos que afondar no seu proxecto adoptivo, un factor clave para manter vivo o desexo e nos que poderán adquirir habilidades que lles beneficien na toma de decisións ante propostas adoptivas. Así mesmo, estarase a reducir o risco de fracaso nas que se inicien.

Dende o 2015, ano no que se puxo a andar, o programa se desenvolveu a través de catro sesións formativas nas provincias de Pontevedra e A Coruña nas que se deu cobertura a familias de toda Galicia. Do total de 88 familias participantes, 41 pertencían á provincia da Coruña, 36 á de Pontevedra, 6 á de Ourense e 5 procedentes da de Lugo.