Santiago, 25 de setembro de 2014.- Logo de adiantalo onte no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer hoxe a Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020 que prevé incrementar as exportacións en máis dun 25%, ata superar os 23.000 millóns de euros, e que o peso da exportación na riqueza de Galicia pase do 33% ao 40% do PIB.
Durante a rolda de prensa do Consello, o titular do Goberno galego incidiu en que con esta iniciativa dáse un novo impulso á internacionalización do tecido empresarial galego, que ten sido e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico.
Non en van, desde o ano 2009, o traballo da Xunta en colaboración co tecido empresarial galego, ten permitido importantes avances: incrementar un 30% o número de empresas exportadoras; acadar un récord histórico de exportacións no ano 2013 e de balanza comercial; e mellorar as exportacións sobre o PIB, pasando dun 25% en 2008 ao 33% actual. Cun incremento interanual de 3,25 puntos, o ano pasado Galicia foi a comunidade que rexistrou un maior incremento do peso das exportacións no PIB.
Así mesmo, e despois de acadar en 2013 o seu récord histórico exportador, no que vai de ano Galicia suma máis de 10.300 millóns de euros en exportacións, preto dun punto porcentual máis que o anterior exercicio.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que esta estratexia estará asentada sobre cinco eixos de actuación. En primeiro lugar, salientou o reforzo da cultura da internacionalización nas pemes galegas a través do fomento das análises estratéxicas e a súa formación, e concienciándoas sobre a importancia da procura de novos mercados.
Neste apartado, afirmou que xogará un papel clave a activación dunha xanela única “que poremos a disposición do empresariado para facilitar servizos, recursos, formación e información para a súa saída ao exterior”.
Así mesmo, e en segundo lugar, incrementarase a presenza en novos mercados, identificando aqueles sectores e destinos que presenten un maior potencial e mellores oportunidades. Deste xeito, prevese o desenvolvemento de 10 plans operativos sectoriais específicos para os 10 sectores estratéxicos máis importantes da economía galega.
En terceiro lugar, o Goberno galego seguirá apostando pola atracción de investimentos. E, para iso: reforzaranse as facilidades para a ubicación de novas iniciativas en Galicia; e, apostarase polo impulso da diplomacia empresarial e institucional, na convicción de que a economía ten que ser un eixo da axenda exterior da Xunta.
E como cuarto eixo, Feijóo referiuse á consolidación da marca “Galicia Calidade” como termo que simboliza unha forma distinta e galega de facer as cousas baseada na calidade, o compromiso e o esforzo das empresas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e a confianza que estes outorgan.
Todas estas actuacións teñen que desenvolverse, segundo explicou o presidente autonómico, desde a unidade de acción entre os axentes económicos e as entidades financeiras.
“En definitiva, empezamos a axenda de contactos con todas as organizacións económicas de Galicia -cos centros tecnolóxicos, coa zona Franca, cámaras de comercios, etc- para concretar esta estratexia, consensuala e aprobala definitivamente”, aseverou a modo de resumo.