Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2014.- A Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar entregou hoxe a Compostela número 200.000 a Michel Such, un xubilado francés que xunto coa súa muller recorreu 1.651 quilómetros repartidos en diferentes tramos de 600 quilómetros por viaxe.
O peregrino 200 mil tivo, ademais da recompensa de chegar á meta do camiño, un agasallo adicional. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fíxolle entrega dunha placa distintiva e dun bono válido por un “menú peregrino de Asís a Compostela” para dúas persoas, elaborado con motivo do oitavo centenario da peregrinación do Santo a Santiago. Unha magnífica comida que engloba a esencia da gastronomía galega, ao conxugar os sabores do mar e da terra co gran saber facer de oito cociñeiros con Estrela Michelin e o xefe de cociña do Parador de Santiago.
O peregrino, a súa chegada, relatou que non esperaban recibir un recoñecemento así. “Estamos moi contentos de estar en Santiago, ser peregrino é sensacional e extraordinario”, afirmou Michel Such.
A ruta desta parella francesa comezou na catedral de St. Trophime, en Arles, a quince quilómetros da súa cidade de residencia. A principios deste verán comezaron a última viaxe dende Burgos a León, cidade á que regresaron fai quince días para afrontar a súa última etapa que completaría o seu camiño a Santiago de Compostela. Such recoñeceu que ó principio non é fácil pero “Santiago te empuxa e chegas ata o final”, sinalou o peregrino número 200.000.
Durante a emotiva acollida, a directora de Turismo de Galicia, destacou que neste ano batéronse records tanto de peregrinos nacionais como internacionais. No que vai de ano chegaron xa 17.472 peregrinos máis que en 2013, o que leva consigo un incremento do 9,59%.
Nava Castro indicou que máis do 50% dos peregrinos que pasaron pola oficina de acollida ao peregrino durante este ano son estranxeiros. “O pasado ano contabilizáronse peregrinos de máis de 150 nacionalidades diferentes, o que demostra que o Camiño converteuse no noso principal elemento captador de turismo internacional”, engadiu Nava Castro. A directora de Turismo explicou que nos meses de xullo e agosto, o volume de turista nacional increméntase mentres que agora repuntan os internacionais.
Pola súa parte, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, celebrou o récord de peregrinos e observou que neste 2014 o peregrino 200.000 chega máis de quince días antes que no 2013.