Santiago, 13 de agosto de 2014.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, agradeceu a visita do secretario general de Agricultura y Alimentación do MAGRAMA, Carlos Cabanas, que tiña por obxectivo coñecer polo miúdo a realidade que atravesa o sector lácteo galego e dar conta do resultado das negociacións levadas a cabo dende o ministerio con Bruxelas. A Conselleira do Medio Rural e do Mar e o secretario general de Agricultura y Alimentación do MAGRAMA, que visitaron dúas explotacións leiteiras do concello Pontevedrés de Lalín, coincidiron en que coa nova PAC Galicia sairá moi beneficiada, xa que a nosa comunidade recibirá 8 millóns de euros máis para o lácteo cada ano.
Esta contía sitúanos nun novo escenario e supón un cambio radical para o sector xa que coa proposta inicial da PAC que plantexaba a Comisión Europea, Galicia tería perdido 35 millóns de euros anuais. De igual modo cabe lembrar que a proposta do anterior goberno estatal no 2009 tería suposto unha perda de 100 millóns de euros.
O importe que percibirá Galicia repercutirá de xeito directo no sector, de xeito que todos os gandeiros galegos recibirán diñeiro por cada unha das súas cabezas de gando. Así, no caso das explotacións de zonas de montañas que ata agora recibían 115 € en axudas, pasarán a percibir 133 € mentres que o resto de gandeiros de pasarán a cobrar 119 € por animal, cando antes percibían 103 €. Polo tanto, incrementarase de xeito substancial o apoio que estaba recibindo ata o de agora o sector lácteo, un sector clave para o desenvolvemento da Galicia rural, tal e como sinalou a titular de Medio Rural e Mar.
As explotacións Fraga e Andrés Blanco
A explotación Fraga Sociedad Civil está situada na parroquia de Goiás, en Lalín. Conta con 134 vacas e recibiu distintos recoñecementos pola elevada produción dalgúns animais e pola mellora xenética. A esta gandería pertence a vaca Fraga Luke Carlota (filla do touro Luke e neta de Inspirator) que está situada entre as vacas estrela do ránking que elaborou a Confederación Nacional Frisoa española, Conafe, no mes de decembro de 2010. Nos anos 2012 e 2013 esta explotación recibiu máis de 45.500 euros en axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar e ademais no ano 2009 recibiu máis de 130.000 euros en diferentes subvencións pola modernización das instalacións e incorporación de mozos á actividade agraria.
A explotación Andrés Blanco Fuentes tamén está na parroquia de Goiás e é unha explotación familiar que conta con 64 vacas de leite. Nos anos 2012 e 2013 recibiu por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar máis de 25.800 euros de subvencións para a mellora das condicións da explotación.