Ribeira (A Coruña), 13 de agosto de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar Social, está a levar a cabo distintas actividades e traballos no Arquipélago de Sálvora. Estas tarefas contribúen á protección, recuperación, fomento e difusión dos valores culturais e antropolóxicos deste espazo natural,
A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; e o subdirector Xeral de Voluntariado, Alberto Otero; visitaron hoxe esta illa con membros da Agrupación Amicos, unha asociación de familias de persoas con discapacidade intelectual sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.
Dende o mes de xuño e ata setembro, levarase a cabo actuacións de voluntariado ambiental vido de toda Galicia nas illas de Sálvora, cunha duración dun día con saída do porto de Aguiño (Ribeira), durante estas xornadas os participantes poderán convivir no parque nacional e colaborar coa difusión dos valores naturais e a súa protección. As primeiras quendas resultaron un éxito de participación, logrando unha implicación total do voluntariado e o persoal do Parque Nacional, tendo como actividades principais a eliminación de especies alóctonas, retirada de refugallos das praias e coñecemento da illa.
Os participantes obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrito no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
A Xunta apoia estas actividades porque queren promover un voluntariado ambiental, que axude a difundir os valores dos arquipélagos das illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Este programa de voluntariado naceu co obxectivo principal de sensibilizar e concienciar os valores do Parque Nacional.
Coas labores que se realizan neste espazo natural permítese o coñecemento e goce dos seus principais valores, asegurando, sempre de forma compatible coa súa conservación, tanto a actividade investigadora e educativa como o simple acceso aos visitantes, logrando un turismo sustentable a longo prazo.
Así mesmo, co obxectivo de mellorar os resultados deste programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizará dous cursos formativos.
O primeiro deles será da modalidade en liña e está destinado aos propios voluntarios. Os contidos teñen por obxectivo capacitar ás persoas interesadas para o desenvolvemento das actividades necesarias para poder exercer o voluntariado no Parque Nacional. Entre outras materias, os voluntarios poderán coñecer a lexislación e normativa que afecta aos Parques Nacionais, o impacto do turismo nos espazos protexidos ou as características da flora e da fauna das illas.
O segundo curso está destinado aos axentes medioambientais que traballan no propio parque, a fin de dar a coñecer que impulsa ás persoas a converterse en voluntarios, os dereitos e deberes do voluntario, o seu marco lexislativo e cómo se elabora un plan de xestión do voluntariado.
Mellora de hábitats
Durante a xornada tamén se supervisaron as actividades executadas para mellorar os hábitats para anfibios na illa de Sálvora, como as tres especies existentes no Parque: a píntega común Salamandra salamandra, o tritón común Lissotriton boscai e sapo raxado Discoglossus galganoi. Son especies que polo carácter insular do Parque presentan importantes diferenzas coas existentes en terra firme. Ademais, atópanse nunha situación de conservación que require medidas de conservación especialmente nos seus hábitats. A mellora de hábitats para anfibios en Ons e Sálvora consistiu en rozas selectivas nas áreas de campeo e alimentación terrestre destas tres especies e no acondicionamento manual de puntos de auga e pequenos humedáis nos que ten lugar a súa cría .
Tamén se rehabilitaron e melloraron os contornos dos hórreos da Aldea de Sálvora, onde se levaron a cabo tarefas de restitución de tellados, trocos de cerchas , construción de laterais en carballo e consolidación das partes pétreas dos hórreos. Cabe sinalar que, dende a Consellería se está a traballar na mellora da ruta de carácter etnográfico que pasa pola zona recentemente restaurada dos hórreos. Esta ruta enlaza coa vía principal de acceso á aldea.
Nos próximos meses e como homenaxe ás Heroínas de Sálvora, bautizaranse cada hórreo co nome destas mulleres: Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo.
Situación xeográfica
O arquipélago de Sálvora atópase á entrada da ría de Arousa. A súa illa máis grande é a de Sálvora, de aproximadamente 2,5 km de lonxitude e 1 de ancho. A súa altitude máxima é de 73 m. A costa oeste é rochosa, mentres que o oeste presenta as praias do Almacén, dous Bois, dous Lagos e Zafra. Completan o arquipélago numerosos illotes como o areoso Vionta e as rochosas Sagres.
A illa de Sálvora, no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, representa un conxunto ben conservado de hábitats costeiros, especialmente o referente a hábitats dunares. Destacan entre eles, como hábitats de interese comunitario, as dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria (2120), as depresións interdunares húmidas (2190), as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (2130*) e as dunas fixas descalcificadas atlánticas Calluno-Ullicetea (2150*), as dúas últimas hábitats prioritarios. Ademais, en Sálvora atópanse poboacións de interese para a conservación das especies de flora catalogada Omphalodes littoralis, Linaria arenaria e Erodium maritimum. Estes hábitats e especies de flora son especialmente sensibles ao excesivo pisoteo ou pastoreo por herbívoros. Por outra parte, gran parte da superficie da illa está cuberta por mato (queirogais secos europeos 4030), hábitat que tende a proliferar e aumentar en cobertura co tempo.