Santiago, 7 de agosto de 2014.- O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co novo presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, logo de que a pasada semana fose publicado o decreto do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, concretamente, o mércores 30 de xullo.
Durante o encontro, tanto o titular da Xunta como o presidente do Consello Consultivo, puxeron de relevo a recente reforma da institución, que ten permitido que o Parlamento galego elixise unha parte dos seus conselleiros, por primeira vez na súa historia. Ademais, ambos coincidiron en que a lei que mudou os criterios de denominación dos integrantes deste organismo -de tal xeito que a maioría deles sexan elixidos pola Cámara galega-, tamén permite avanzar un chanzo máis na súa profesionalización, ao promover perfís máis relacionados co dereito público.
A este respecto, Feijóo incidiu en que as traxectorias profesionais, tanto do novo presidente do Consello Consultivo, como dos novos conselleiros -Ignacio de Loyola Aranguren Pérez, José Abelardo Blanco Serrano e Ana Mª Otero López-, unidas ás dos ex-presidentes da Xunta, constitúen a mellor garantía para a actividade lexislativa da Comunidade.
Durante a xuntanza, o mandatario galego tamén resaltou a independencia e a pluralidade do Consello Consultivo de Galicia, así como a súa intensa actividade e o rigor co que desenvolve a súa tarefa, velando sempre polo interese xeral da cidadanía. Unha institución, recordou, que ten como principal función emitir ditames en cantos asuntos sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas da Comunidade.
Por último, o xefe do Executivo autonómico desexoulle a José Luis Costa Pillado unha frutífera e exitosa etapa á fronte dunha institución, dixo, de referencia para a Comunidade e clave no fortalecemento do autogoberno.