Ribeira (A Coruña), 7 de agosto de 2014.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou esta mañá o salto cualitativo que dará o saneamento da ría de Arousa grazas ao esforzo que a Xunta de Galicia e o Goberno central están a facer, coa mobilización de 38 millóns de euros para distintas actuacións en materia hidráulica.
Ethel Vázquez e a directora xeral de Augas das Concas de España (Acuaes), Aránzazu Vallejo, asinaron –en presenza do alcalde de Riberia, Manuel Ruiz Rivas, o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, SA (AcuaEs), para a execución das obras da depuradora e colectores xerais en Ribeira, que previsiblemente se poderán iniciar en setembro.
Unha actuación imprescindible, afirmou a conselleira- para continuar avanzando no saneamento desta ría de Arousa, onde a Xunta de Galicia vén actuando nos últimos anos a través do Plan de Saneamento Local para contribuír a un adecuado tratamento dos vertidos urbanos.
Vázquez Mourelle destacou que coa sinatura do convenio avánzase un gran paso no camiño xa feito en materia de depuración de augas residuais neste concello e lembrou que os colectores xerais e a depuradora de Corrubedo e a reparación do emisario do Touro, cuxas obras rematarán despois do verán, xunto co saneamento da Ribeiriña, cuxas obras se licitaron onte mesmo, tamén permitirán acadar a mellora do estado das augas desta ría. Catro actuacións que supoñen máis de 38 millóns de euros de investimento e que representan un boa mostra do compromiso do Goberno galego coa ría e con Ribeira.
Tamén sinalou que a sinatura do convenio constata a frutífera e eficaz liña de colaboración que mantén a Administración do Estado e a Xunta, xa que as obras de Ribeira serán financiadas por AcuaEs, a través de fondos FEDER da Unión Europea, e a Xunta de Galicia, con fondos propios a través de Augas de Galicia. Ambas administración destinarán máis de 30 millóns de euros á depuración das augas do núcleo urbano de ribeira, Aguiño, Ameixida, Revolta e Castiñeiras; que permitirá dotalos dunhas instalacións modernas con 16 quilómetros de colectores, 7 tanques de tormentas e un emisario dun quilómetro de lonxitude, que devolverá as augas depuradas ao mar en boas condicións.
A conselleira de Medio Ambiente explicou que esta liña de colaboración ao longo da última década permitiu afrontar actuacións por un importe de 400 millóns de euros, dirixidas fundamentalmente á dotación de infraestruturas para o saneamento de augas residuais, como as depuradoras da Coruña ou Ferrol, a ampliación da Edar de Lugo ou as melloras de saneamento na cidade de Ourense, así como a depuradora de Vigo, na que a Xunta aporta o maior investimento da historia da Comunidade galega en materia de saneamento con máis de 100 millóns de euros.
Depuradora de Ribeira
As obras do saneamento de Ribeira consisten na construción da nova estación depuradora, así como dos colectores interceptores que conducirán as verteduras ata esta nova infraestrutura. Con esta actuación darase servizo a unha poboación aproximada de 32.500 habitantes equivalentes, xa que permitirá a depuración das augas residuais do núcleo urbano de Ribeira, da poboación de Aguiño, e dos núcleos de Ameixida, Revolta e Castiñeras.
A conselleira sinalou que esta actuación é é importante para esta ría pola súa relevancia turística e a súa riqueza marisqueira, xa que o bo estado das augas determina directamente a calidade do noso marisqueo e o seu valor económico; e en consecuencia, para a posta en valor do potencial turístico do litoral na súa tripla vertente: a gastronomía, as praias e os espazos naturais.
A obra dos colectores xerais e EDAR de Ribeira está declarada como de Interese da Comunidade Autónoma ao terse incluído no programa de medidas do Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia – Costa, aprobado en Outubro de 2012. Isto responde á necesidade de someter a un tratamento axeitado as augas residuais urbanas xeradas principalmente en Ribeira e Aguiño, e así garantir o bo estado das augas, especialmente no que respecta aos esixentes usos de baño e marisqueo nas augas da ría de Arousa.
A rede de colectores xerais defínese mediante a execución de aproximadamente 13.600 metros de conducións tanto por gravidade como en presión. Defínense sete tanques de tormenta que regularán os caudais da rede unitaria, enviando o caudal a xestionar ata a EDAR e minimizando os aliviadoiros ao medio receptor en tempo de choiva. Estarán ubicados en Carolinas, Cerqueiras, Ameixida, A Revolta, Castiñeiras, Areeiros e Aguiño.
A estación depuradora de augas residuais ubicarase no polígono de Couso e realizará tratamento biolóxico mediante aireación prolongada prevista para un caudal máximo de tratamento de 1.238m3/h. A nova depuradora terá capacidade para tratar un caudal medio de 93 litros por segundo, é dicir máis de 8.000 metros cúbicos ao día, aínda que poderá asumir puntas de 279 litros por segundo.