Santiago, 6 de agosto de 2014.- O MAGRAMA e a Consellería do Medio Rural e Mar xa están tramitando as asignacións de cota mediante cesións directas da reserva nacional cara ás explotacións leiteiras. Nesta campaña 2014/2015 repartiranse a nivel estatal 261.000 Tm, das que o 40% irán a parar a máis de 6 mil gandeiros galegos.O reparto desta campaña 2014/2015 é lixeiramente superior ás cantidades asignadas en campañas anteriores e supón un 9% máis que na campaña 2013/2014.
Cabe sinalar que a asignación de cota láctea de máis de 261.000 toneladas da reserva Nacional é gratuíta e non é necesario que os produtores a soliciten. Estas asignacións que se veñen realizando de oficio, nos últimos anos, por parte do Goberno Central responden á cota que dende a Unión Europea se asigna aos Estados membro para axudar ao “aterraxe suave das cotas lácteas”.
Os únicos requisitos que se esixen para conceder a cesión é que no período anterior se realizasen entregas ou vendas directas superiores ao 85% da cota dispoñible para dito período e que o produtor non fora cedente de cota durante o período anterior. Os gandeiros poderán coñecer a nivel individual a cantidade que lles foi asignada a través do sistema habitual de consulta dos datos de cota, nas aplicacións informáticas habilitadas.
Esta asignación de cota da Reserva Nacional realízase todos os anos, polo que non ten como fin exclusivo o de mitigar a sobreprodución. Non obstante, permitiralle os produtores planificar a marcha das súas explotacións de cara ao final da campaña, axustando as súas producións ás cotas asignadas, evitando incorrer no risco dunha posible supertaxa.