Telefónica, en colaboración coa Xunta, pon en marcha Galicia Open Future, unha iniciativa para potenciar o emprendemento innovador na Comunidade, integrado na rede Open Future da multinacional, que ofrecerá os seus recursos e ferramentas para o desenvolvemento 50 proxectos empresariais innovadores. Os seleccionados se beneficiarán, ademais, do Programa de Incentivos á Excelencia Innovadora en materia TIC da Xunta que conta cun orzamento de 750.000 euros.
Os detalles da convocatoria, que estará aberta desde hoxe e ata o 15 de xuño, foron presentados esta mañá na Cidade da Cultura polos responsables dos departamentos implicados na iniciativa: o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira; o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, o director do Igape, Javier Aguilera e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González.
Galicia Open Future terá a súa sede na Cidade da Cultura, onde se ubicará o centro de Crowdworking que albergará as iniciativas empresariais seleccionadas. Dende aquí os usuarios poderán acceder a actividades de formación e mentoring e conectar co talento internacional para desenvolver os seus proxectos. Ademais, activaranse programas específicos de maduración, baixo a tutela dos mellores expertos e profesionais.
A disposición en rede dos espazos de crowdworking da Open Future e o acceso á plataforma online Openfuture.org permitirá que se conecten entre si milleiros de emprendedores.
A duración do programa é de seis meses, prorrogables en períodos de 3 meses e unha vez finalizada esta etapa seleccionaranse os tres mellores proxectos de cada convocatoria. O obxectivo é que nunha segunda fase o centro se converta nunha aceleradora de proxectos no ámbito TIC inspirada na experiencia de apoio a emprendedores e startups tecnolóxicos en Europa e América Latina. Todo o conxunto de actividades, ademais, estará aberto á colaboración constante con universidades, viveiros e incubadoras de empresas, ademais de colexios e asociacións profesionais.
Convocatoria e prazos
As empresas e profesionais interesados en incorporarse a Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na seguinte dirección: http://galicia.openfuture.org/ e poden realizar consultas o resolver dúbidas no email galicia.crowdworking@openfuture.org
O proceso de selección rematará a mediados de xullo e o Centro de Crowdworking estará operativo despois do verán.
Programa de Incentivos da Xunta
O programa, aprobado no último Consello da Xunta, establece tres tipos de incentivos grazas a achega económica da Consellería de Economía e Industria. Así, a Axencia Galega de Innovación aporta 525.000 euros para o patrocinio de ideas e axudas para a posta en marcha de proxectos emprendedores; e o Igape, a través de Xesgalicia, achega 225.000 euros para préstamos reembolsables.
A través do patrocinio de ideas emprendedoras achegarase a cada un dos profesionais ou startups seleccionado en cada unha das convocatorias de Galicia Open Future un bolsa de 2.000 euros para a súa participación no proxecto. Ademais, a GAIN publicará na súa web unha descrición dos proxectos seleccionados como exemplo de boas prácticas innovadoras.
As tres mellores iniciativas seleccionadas como mellores en cada convocatoria recibirán unha axuda de 25.000 euros cada unha para a execución do proxecto. A terceira liña do programa contempla tres préstamos reembolsables de 25.000 euros cada un para os tres mellores proxectos anuais, que se constitúan previamente como empresa.
Galicia, a primeira Comunidade en abrir unha convocatoria para Open Future
Galicia é a primeira Comunidade do Estado na que se abre unha convocatoria para Open Future, materializando así un dos compromisos adquiridos por Telefónica tras asinar o Pacto Dixital de Galicia o pasado mes de novembro. Para o seu funcionamento e operativa, o operador achegará 850.000 euros anuais. O centro ocupará unha superficie aproximada de 400 metros cadrados nas instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás
Open Future é un proxecto global aberto á participación de investidores e startups de todo o mundo. Baséase nun modelo de transformación e aceleración de empresas integrado, que se apoia en dúas ferramentas, unha plataforma online e os centros de crowdworking. Openfuture.org é o espazo virtual onde os usuarios acceden a retos que requirirán da demostración das súas capacidades e onde os investidores poden visualizar a evolución individual de proxectos e participantes. Os centros de crowdworking son espazos físicos conectados en rede, nos que se desenvolven os programas de maduración dos proxectos empresariais.
Apoio de Telefónica ao emprendemento galego
A posta en marcha de Open Future forma parte de toda unha estratexia de apoio ao emprendemento galego posta en marcha por Telefónica. Esta estratexia consta de programas como Think Big Schools, que forma en innovación a xoves estudantes de secundaria; Think Big Jóvenes, orientado a xoves en bacharelato e universidade; e o programa de becas Talentum, do que se beneficiaron o ano pasado 300 estudantes. Este ano, 1.000 estudantes galegos de 12 centros de ensinanza secundaria participaron no programa Think Big Schools. Telefónica conta tamén coa rede de fondos de investimento Amérigo, especializada en tecnoloxía, e á que no futuro poderán presentar os seus proxectos os emprendedores do Galicia Open Future.
Pacto Tecnolóxico
O Pacto Dixital de Galicia subscrito por 12 empresas de ámbito nacional, multinacional, rexional e o Clúster TIC galego é un acordo no que tanto o Goberno galego como as empresas asinantes asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o crecemento do sector.
As empresas tecnolóxicas que subscribiron o pacto, o primeiro deste tipo que se realiza en España, son Telefónica, HP, Indra, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Vodafone e o Clúster TIC Galicia.