Coristanco (A Coruña), 9 de maio de 2014.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou esta mañá que as distintas iniciativas que o seu departamento, xunto con outras administracións e a iniciativa privada, levan a cabo ao longo do ano para fomentar un uso racional da auga “son fundamentais para concienciar á cidadanía respecto da necesidade de utilizar racionalmente un recurso escaso como é a auga, especialmente de cara ao verán”.
Hernández e o director territorial de Mapfre en Galicia Norte, Fernando Camarero, xunto co alcalde de Coristanco, Antonio Pensado, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participaron hoxe nunha das actividades da campaña de sensibilización para o uso responsable da Auga, que promoven Augas de Galicia e a Fundación Mapfre en máis de 40 colexios de toda Galicia.
A iniciativa comezou no curso escolar 2011-12 e nela participaron 2.718 alumnos de 36 colexios. Ao remate do presente curso, a iniciativa chegará a 4.035 escolares e 46 centros, o que supón un incremento de participación do 48%.
O conselleiro felicitou aos responsables da campaña, que ten un alto índice de valoración por parte do profesorado, que lle pon unha nota media de 9 sobre 10 ao remate das actividades.
Campaña para o uso responsable da Auga
Agustín Hernández indicou que coa terceira edición desta iniciativa, Mapfre e Augas de Galicia terán colaborado na formación de máis de 10.500 voluntarios concienciados coa necesidade de protexer un ben tan prezado como a auga, todos eles escolares de 4º, 5º e 6º de Primaria, que velarán polo uso responsable e o bo estado do recurso.
Con esta campaña, que hoxe visitou o CEIP Canosa- Rus do Concello de Coristanco, búscase concienciar aos nenos sobre a problemática do ciclo da auga en Galicia, e aportarlles pautas responsables para o consumo de auga a través de boas prácticas, medidas e trucos para aforrar auga e cartos. Para a transmisión destes valores empréganse instrumentos como obradoiros e talleres de sensibilización ou cómics.
Outras iniciativas
O conselleiro de Medio Ambiente lembrou que esta é unha das moitas iniciativas nas que o seu departamento está involucrado, e nas que este ano participarán más de 5.300 persoas. A modo de exemplo, recordou a campaña Rede Auga ou o Proxecto Ríos, xunto con Adega, na que leva colaborando desde 2011.