A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou esta tarde que a Xunta de Galicia priorizará nos vindeiros anos unha planificación mais sostible, tanto dende o punto de vista medio ambiental (un dos obxectivos de Europa 2020 é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores) como dende o punto de vista económico, coa priorización das infraestruturas máis eficientes, cunha maior captación de tráfico e deseños máis óptimos.
Vázquez Mourelle participou na Coruña no foro Cidade Metropolitana do Século XXI, onde engadiu que tamén primará outros investimentos esenciais como a conservación e adecuación das infraestruturas existentes, así como a seguridade viaria.
Incidiu na idea de traballar a prol dunha planificación sostible, que se debe revisar e actualizar, para dar una resposta axeitada e responsable en cada momento. Para Ethel Vázquez, a planificación viaria é fundamental, pola súa influencia na ordenación do territorio. Con respecto á área metropolitana é de singular relevancia o “Plan Sectorial da Rede Viaria de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Oleiros e Sada”, no marco do que puxéronse en servizo infraestruturas como a Vía Ártabra, o treito 1 e 2 da Terceira Rolda, e está en execución o acceso ao Porto Exterior.
Os retos de futuro consisten en dar continuidade aos investimentos realizados para mellorar a mobilidade no ámbito metropolitano, como a conexión da Vía Ártabra coa AP9, cuxo proxecto de redacción se licitou esta mesma semana, a ampliación da capacidade da Avenida de Alfonso Molina e a construción do vial 18, que conectará a AP-9 coa Terceira Ronda.
Outras medidas relacionadas coas infraestruturas que mellorarán a mobilidade son os aparcamentos disuasorios que se construirán en zonas como Lonzas, San Pedro de Visma e A Pasaxe, a mellora da estación de autobuses da cidade, así como a continuidade do transporte metropolitano da Coruña, que está integrado por 14 concellos desta comarca.