Madrid, 24 de xaneiro de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia “é unha terra apta para todos os públicos” e avanzou que 2014 contará con novos alicientes que farán máis atractiva a estancia aos visitantes como a Volta a España, novos trens turísticos e os oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
“Quen vai a Galicia faise galego porque Galicia nunca o abandona”, aseverou Feijóo, durante a súa visita esta mañá ao pavillón da Comunidade na Feira Internacional de Turismo-Fitur, logo de subliñar que Galicia ten a gran fortuna de contar cun censo extraoficial de galegos formado pola xente que nos visita. “Tras a súa convivencia entre nós, convértense en galegos adoptivos e en embaixadores plenipotenciarios do noso”, dixo, logo de lembrar que Galicia o fixo recentemente, por exemplo, ao crear a figura dos Embaixadores do Camiño, que estreou o Príncipe de Asturias.
Unhas infraestruturas turísticas de primeira orde
O titular do Goberno galego incidiu en que o visitante que elixe Galicia está optando por unhas infraestruturas turísticas de primeira orde, pero sobre todo por un pobo que ten permanentemente os brazos abertos. E despois de resaltar o noso potencial turístico, referiuse aos principais fitos que marcarán 2014.
Nesta liña, afirmou que o deporte terá o seu punto culminante coa Volta a España, que percorrerá cinco etapas por terra galega e que sitúa o seu punto de chegada no corazón mesmo de Galicia, na praza do Obradoiro. “O noso Apóstolo –dixo- será fiel testemuña dunha competición que xa o pasado ano arrastrou a moita xente no seu paso pola nosa Comunidade e permitiu que agosto rexistrase cifras récord de visitantes”.
No tocante aos oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, Feijóo recordou que con aquela viaxe se teceu un vínculo fundamental na cristiandade occidental, e púxose unha das primeiras pedras da propia construción europea. Diante deste feito, avanzou o desenvolvemento dun programa de actos “que axude a proxectar a mensaxe do
“Así mesmo, Galicia abrirá as súas portas para que calquera poida entrar de todas as formas posibles. Pódese chegar por aire, por mar, e tamén apostamos por outros medios de transporte como o servizo de ferrocarril, no que se están a implementar novos trens turísticos que tiveron unha gran acollida entre turistas e visitantes”, engadiu o presidente autonómico.
Feijóo precisou que o pasado ano Galicia comezou con este proxecto pioneiro utilizando como medio de transporte o ferrocarril. Con el por primeira vez acudiu a Galicia o tren turístico de luxo Al Andalus e creouse o Galicia Rail Pass, un bono de tren que permite aos peregrinos e turistas que acoden a Galicia en tren de largo percorrido coñecer outros lugares de interese na Comunidade. E, a iso hai que engadir o establecemento de novas rutas turísticas en tren: ás rutas da Camelia e dos Faros sumaranse as rutas do Viño, que recorrerán as diferentes denominacións de orixe galegas.
Para o presidente da Xunta non é estraño que haxa estudosos que lle atribúan ao turismo unha capacidade fundamental para facer que os pobos evolucionen, “xa que inflúe no pobo de onde procede o viaxeiro, sen deixar de influír tamén no pobo que o recibe”. “O turista busca un enriquecemento a través do intercambio. Aprecia a diversidade, valora o diferente e retorna convertido nunha persoa distinta, e sen dúbida máis rica. Se o mundo é hoxe máis libre e aberto, débese en boa medida ao turismo”, aseverou, despois de referirse ao Camiño de Santiago como unha proba de que este principio é certo.
Nesta liña, Feijóo lembrou que o Camiño foi e é un lugar de encontro, como o demostran os 215.880 peregrinos que en 2013 obtiveron a Compostela, o que supuxo un aumento do 12,15% con respecto ao pasado 2012.
“Esa chegada incesante de peregrinos modelou a arte e a cultura de Galicia, pero sobre todo esculpiu o seu carácter. Fíxonos abertos, tolerantes, capaces de entender o punto de vista dos demais, e reticentes ante calquera dogmatismo. O tempo converteunos en anfitrións idóneos para quen queira coñecer o mundo resumido nun país”, aseverou.
O presidente da Xunta valorou durante a súa visita ao pavillón da Comunidade os últimos datos sobre o sector. E, neste sentido, destacou que no 2013 incrementouse a cifra de viaxeiros aloxados nun 4,9%, case catro puntos por enriba da media de España que é do 1%. E as pernoitas subiron un 1,9%, acercándose aos 6,8 millóns no conxunto da Comunidade.
En total, máis de 3,37 millóns de viaxeiros acudiron a Galicia o pasado ano, debido principalmente ao comportamento do turismo internacional, que rexistrou crecementos tanto de cifra de viaxeiros aloxados como das pernoitas: 11,3% e 7,9%, respectivamente.
O turismo galego, unha obra colectiva
Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que outra das características do turismo galego é que non está polarizado nunhas cantas empresas, en varias industrias clave, senón que involucra ao conxunto da Comunidade. “O turismo galego é unha obra colectiva –dixo-. Nela participamos todos: a Administración, o sector privado, o comercio, o mundo da cultura, o gran hotel e a casa rural, o gran restaurante e o pequeno establecemento, a cidade moderna e a aldea tradicional. En sentido literal, é un concerto. Así o demostramos recentemente coa creación do clúster do Turismo de Galicia”.
O presidente da Xunta non esqueceu tampouco o Plan estratéxico do Turismo; “unha ferramenta –asegurou- básica para que ese
Por último, o responsable do Goberno galego recolleu da man da directora de Fitur o premio ao mellor stand da Feira.