Madrid, 22 de xaneiro de 2014.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o subsecretario de Industria, Enerxía e Turismo do Ministerio de Industria e presidente da Fundación EOI (Escuela de Organización Industrial), Enrique Hernández Bento, asinaron hoxe en Madrid un convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do proxecto denominado Plataforma de Emprendemento en Feminino.
Este proxecto ten como principal obxectivo potenciar e fortalecer a iniciativa empresarial das mulleres en Galicia e, sobre todo, apoiar aqueles proxectos cun carácter especialmente innovador. Trátase, en definitiva, de impulsar a innovación e a competitividade das emprendedoras e das pemes galegas.
O proxecto levarase a cabo en catro fases. Na primeira fase realizarase unha análise e diagnóstico da situación do emprendemento feminino en Galicia, coas súas debilidades e fortalezas e, a partires desa información, establecerase un plan de acción para o seu impulso. Posteriormente desenvolverase un plan de difusión e captación de empresas participantes no proxecto, coa participación de potenciais axentes, asociacións e institucións sectoriais. Nunha terceira fase levarase a cabo o deseño e desenvolvemento da Plataforma de comercialización, especializada sobre todo en produtos das emprendedoras galegas e das pemes e con especial atención á muller do rural. Xa na última fase, o proxecto contempla a difusión dos resultados do proxecto, a posta en valor do traballo realizado e a potenciación da imaxe das empresas e das actuacións levadas a cabo.
O Goberno galego, a través da Secretaría Xeral da Igualdade e da Amtega, asumirá o aloxamento da Plataforma e os sistemas e servizos resultantes, así como o seu mantemento. A EOI, como fundación pública estatal dedicada a formar profesionais e producir e difundir coñecemento, entre outros, encargarase da dirección e execución das actividades e seleccionará ao coordinador do proxecto.
O proxecto contará cun orzamento de 400.000 euros dos cales 380.000 serán achegados pola Fundación EOI con cargo ao Programa RISC (Redes de Innovación ao Servizo da Competitividade), mentres que os 20.000 euros restantes os achega a Vicepresidencia da Xunta.