O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, destacou hoxe a importancia de poñer en valor o papel clave do sector agoindustrial no equilibrio territorial e no desenvolvemento das economías locais. Así o dixo na inauguración do III Foro “O sector alimentario en Galicia”, organizado polo Grupo Correo Gallego.
O secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, interveu hoxe na inauguración do III Foro “O sector alimentario en Galicia” Autor: Conchi PazFernández-Couto sinalou que preto do 60% das agroindustrias sitúanse en concellos de menos de 10.000 habitantes, e que o 75% teñen a categoría de microempresas. Así, engadiu, a industria alimentaria depende en moitos casos das materias primas que se producen na súa contorna, contribuíndo a incrementar o valor das producións e os recursos naturais das áreas nas que se asentan.
Neste senso, o secretario xeral reiterou o compromiso da Xunta por este sector clave para Galicia. Así, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia 2007-2013, o departamento que dirixe Rosa Quintana xestionou axudas cun volume de investimento total de 386 millóns de euros. Tomás Fernández-Couto salientou que é fundamental apostar pola mellora e modernización da industria agroalimentaria galega, sen esquecerse da comercialización, xa que “de nada sirve ter un bo produto se non somos quen de colocalo no mercado”, engadiu.
O secretario xeral destacou o apoio da Consellería mediante diversas liñas de axuda para facilitar a comercialización dos produtos galegos no exterior, xa que “a internacionalización dos nosos produtos está a ter unha favorable repercusión na mellora do sector en particular e da economía galega en xeral”, dixo.