A Habana (Cuba), 7 de decembro de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte que todos os galegos residentes en Cuba son un activo fundamental na estratexia de internacionalización de Galicia. “Galicia, hoxe máis que nunca, debe seguir mirando ao exterior e tratar de xerar riqueza a través da internacionalización das súas empresas e industrias”, recoñeceu, por iso “quere posicionarse para optar ás posibilidades que se abran naqueles sectores nos que Cuba comeza a amosar unha vocación internacional”.
Nun encontro coa colectividade galega e membros doutras comunidades españolas residentes na Habana, o mandatario galego destacou a función fundamental que desempeñan no eido da internacionalización económica porque son, dixo, “embaixadas comerciais de primeira orde para axudar aos emprendedores da Galicia territorial na busca de novos mercados ou de novos investidores”.
“Moitos dos galegos da diáspora sodes emprendedores e amosades cada día a vosa disposición a axudarnos nas estratexias que a Xunta está desempeñando para axudar á proxección económica de Galicia no exterior. Eu agradézovolo e dígovos que conto con vós”, remarcou.
Feijóo lembrou que Galicia está executando unha política de responsabilidade fronte á crise coa que leva aplicado medidas de eficiencia, axustes de gasto e control do déficit público que hoxe nos permiten ter os indicadores económicos na mellor situación que a media nacional, así como máis confianza nos mercados e máis capacidade para mellorar os servizos públicos. Como exemplo, citou as axudas que a Xunta leva aprobado neste 2013 para apoiar máis de 7.000 familias en Cuba.
De igual xeito, asegurou que a nosa comunidade está a buscar instrumentos para poder superar a crise e, un deles, é buscar vías de colaboración económica en ámbitos emerxentes de Cuba, onde cumpren un papel destacado os emprendedores galegos na illa.
A Lei da Galeguidade
O presidente autonómico reafirmou o compromiso da Xunta con todos os galegos que residen fóra da nosa terra e asegurou que “se mantén e se verá reforzado”. Así, ademais de mencionar o labor do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, como responsable de dinamizar as políticas dirixidas desde a Xunta ao colectivo galego residente no exterior, destacou, tamén, a recente Lei da Galeguidade.
Un texto, dixo, “integrador, adaptado ao noso tempo e que amplía sensiblemente” o grao de presenza da colectividade emigrante na vida pública galega a nivel social, cultural e empresarial, e en virtude da cal, as comunidades e centros galegos verán favorecidos os procesos de unión baixo criterios de racionalización, sustentabilidade e optimización de recursos.
“As entidades galegas da Habana estades sendo pioneiras en levar a cabo este exercicio de consenso e xenerosidade necesaria en toda unión de sociedades. Fostes exemplo nisto como en tantos outros aspectos. E creo que a alianza que onte selastes é o mellor comezo para transcender ao paso do tempo e o mellor comezo para dar resposta a retos cada vez maiores: esta unión de esforzos faravos máis fortes e máis útiles”, manifestou.
Feijóo considerou que unión das entidades galegas en Cuba é, tamén, o mellor comezo para abrir as portas das casas galegas aos mozos, xa que as novas xeracións “verán a través deste acordo que a galeguidade lles achega orgullo e tamén posibilidades”; e é, ademais, o mellor comezo para ser máis viables porque “é boa a unidade de entidades máis pequenas con outras que teñen máis posibilidades de espazo, de socios e de actividade, posto que a viabilidade é a primeira garantía da vosa continuidade”.
O titular da Xunta apelou ao espírito emprendedor dos emigrantes galegos. “Os galegos que loitamos desde distintas responsabilidades sociais contra a crise non necesitamos buscar modelos alemáns ou franceses para marcar a nosa ruta. Témolos en casa, témolos aquí. Ninguén lle pode ensinar nada ao galego de aquí en materia de laboriosidade ou de espírito de empresa”, dixo.
“A colectividade galega é a mostra de que a unión fai a forza” e aquí, en Cuba, “temos protagonizado unha das maiores empresas comúns da historia”, resaltou. “Ser galego non exclúe ser algo máis; é unha posibilidade aberta a enriquecer a identidade”, por iso “anímovos a continuar facendo grande Galicia desde Cuba, a continuar engrandecendo este exemplo de galeguidade que sodes os galegos de Cuba”, concluíu.
Encontro co ministro de Cultura da República de Cuba
A axenda do presidente para a xornada de onte na illa pechouse cun encontro que mantivo co ministro de Cultura da República de Cuba, Rafael Bernal, e posteriormente asistiu á celebración do concerto que o grupo galego “Milladoiro” ofreceu pola noite no Teatro Nacional de Cuba.