Ponteareas (Pontevedra), 28 de novembro de 2013.- Un total de 100 desempregados de Ponteareas poderán beneficiarse do Plan integrado de emprego concedido pola Consellería de Traballo e Benestar a esta localidade, e no que investirá un total de 105.000 euros.
Segundo explicou Díaz, estas iniciativas están especialmente deseñadas para mellorar a empregabilidade daquelas persoas que están a atopar “maiores dificultades para conseguir un posto de traballo”. En total, en Galicia vanse poñer en marcha 30 programas deste tipo, grazas a un orzamento de 2,5 millóns de euros que permitirán chegar a 2.200 persoas.
En 2014, esta aposta reforzarase xa que se destinarán a estes plans un total de 4 millóns de euros, o que supón un aumento do 60 por cento con respecto ao consignado este ano para o mesmo fin.
Neste sentido, a directora xeral destacou a importancia de traballar en colaboración cos concellos co obxectivo de crear novas oportunidades para o emprego e, neste sentido, as políticas activas son “un instrumento fundamental” nesta materia porque, se ben non crean postos de traballo por si mesmas, si que melloran a empregabilidade dos traballadores e, polo tanto, “aumentan cuantitativa e cualitativamente as posibilidades de acadalo”.